Monday 20 de May de 2024

O concello de Riveira construirá un novo tramo de beirarrúas de 230 metros de longo na rúa Alcalde Fernández Bermúdez


Tamén se instalará unha rede de pluviais paralelo á mesma

O Concello de Riveira deu luz verde a unha nova actuación consistente na construción dun tramo de beirarrúas na rúa Alcalde Fernández Bermúdez. A apertura do expediente de licitación foi aprobada hoxe en xunta de goberno local co fin de seguir mellorando a seguridade viaria no municipio.

O importe da obra ascende a 106.094,34 (acometidos con fondos propios do municipio) e o prazo de execución é de dous meses e medio.

Na zona en cuestión a calzada conta un pavimento asfáltico e dous carrís de circulación. Sen embargo, conta con partes carentes de beirarrúas tendo que transitar os peóns por un pavimento de terra.

Tampouco existe rede de pluviais, circulando a auga da chuvia pola superficie de paso peonil e a calzada e anegando en ocasións as fincas colindantes.

Con tal motivo, o proxecto elaborado polos técnicos municipais persegue por unha parte a construción de 230 metros lineais de beirarrúas (para o cal o material elixido é o de baldosa hidráulica de 33×33 centímetros con 25 tacos de cor gris e bordillo prefabricado de formigón) pretendéndose conseguir un ancho mínimo de entre 1,50 e 2 metros.

E en segundo lugar, instalarase unha rede para drenaxe de pluviais consistente na instalación dunha tubaxe de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetro, pozos de rexistro e arquetas sumidoiros ao longo do percorrido das beirarrúas e paralelo ás mesmas.